Xosé Manuel Budiño
Formado na escola de gaitas Semente Nova de Moaña a principios dos oitenta, participa na banda de gaitas Xarabal e, no 1991, funda o grupo Fol de Nui. Despois, toca con bandas como Altan (Irlanda), Capercaille (Escocia), Oskorri (Euskadi)… e con artistas coma Kepa Junkera, Uxía ou Mercedes Peón, por citar só algúns dos máis coñecidos no panorama estatal.
Músico, galego de orixe e universal polo seu fado, viaxeiro convencido, creador incansábel, innovador por convición, soñador de melodías imposíbeis dende unha vila mariñeira onde o vento se convirte en música calma… Xosé Manuel Budiño é un artista atípico: é difícil atopar alguén que esperte admiración entre os seus e mesmo no tumultuoso mundo da música celta en Galicia. Xosé Manuel Budiño inspírase nos pequenos sabores da música tradicional, pero sempre coa intención de crear unha música con estilo propio: a música que se pode converter en tradición nun futuro, pode que non tan lonxano.





