Suso Vaamonde
Xesús Vaamonde Polo, coñecido como Suso Vaamonde, nado en Regodobargo, Ponte Caldelas, o 20 de decembro de 1950 e finado o 16 de febreiro de 2000, foi un cantautor galego.
Compositor dende os dezaseis anos, Suso Vaamonde comezou a darse a coñecer na antiga Asociación Cultural de Vigo. Seguindo por este camiño, entrou dende mozo en contacto coa movida roqueira en Vigo, que o levou a formar parte dos grupos musicais Os Copens e Marco Balorento, este último polo 1966, e co que gaña o seu primeiro premio nun festival organizado por unha emisora de radio da cidade. De aí pasa ó movemento Voces Ceibes a principios dos anos 70, deixando un pouco de lado o seu labor de letrista para, acompañado da súa inseparable guitarra, poñer voz e música ós poemas galegos.





