Quique Peón
A actividade profesional de Quique Peón céntrase na investigación etnográfica de Galicia, con especial atención á danza tradicional, na teima de conservala, divulgala, dignificala e colocala no lugar que lle corresponde dentro das artes escénicas. Froito destas ideas e do seu traballo de campo son os centos de melodías e danzas que ten recuperadas, e a súa longa traxectoria como bailarín e profesor de baile e música tradicional galega nas agrupacións máis sobranceiras e prestixiosas do pais, entre as que destaca o Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina, que dirixe dende o ano 1981, e co que acadou importantes premios estatais e internacionais.
O seu traballo como coreógrafo especializado en cultura tradicional levouno en 2007 a contactar co mundo da danza contemporánea, realizando labores de asistente coreográfico con diversos artistas do país e formando parte do elenco do Kiosco das Almas Perdidas, producido polo Centro Coreográfico Galego.
Hoxe en día, Quique Peón compaxina a súa faceta de investigador, intérprete e docente no eido tradicional coas súas inquedanzas interpretativas e novas experiencias na danza contemporánea, convencido de que o bailador galego é un verdadeiro artista e o folclore de Galicia unha excelente fonte practicamente sen explorar na escea moderna. Coa creación da súa compañía e a súa primeira aposta, Ovay, Quique Peón pretende profesionalizar un sector que ata o momento non tivo esa posibilidade, e dignificar a figura do bailarín galego tradicional con nome propio.





