Jump to: Menu | Corpo | Pe

Imaxe de Nova Galega de Danza

Nova Galega de Danza

NGD fusiona en vivo danza e música de raíz galega, tradición e vangarda con vocación universal.

Nova Galega de Danza comeza a súa andaina coa estrea de ALENTO, o seu primeiro espectáculo, no Teatro de Madrid (La Vaguada) o 8 de maio de 2003. O desexado proxecto dos directores artísticos e coreógrafos Vicente Colomer e Jaime Pablo Díaz, xunto co músico e compositor Xosé Lois Romero, vía por fin a luz despois de varios anos de traballo na sombra. Co seu primeiro espectáculo, ALENTO, inaugurou un novo xeito de concebir a danza e a música realizadas en Galicia. 

Nova Galega de Danza volve a reinventarse con ENGADO, a súa segunda produción, estreada o 10 de febreiro de 2006 no Teatro Rosalía de Castro de A Coruña e na que profundiza, máis se cabe, no proceso de fusión e recreación, e onde 6 músicos e 5 bailaríns saen á escea co propósito de tecer nela todo o seu mundo de ilusións, ofrecendo un espectáculo cheo de enerxía, frescura e sorpresa.  

A incesante inquedanza por crear, por manter unha proposta artística singular, sitúa a NGD nun proceso de investigación, de achegamento á danza tradicional máis pura, para reinventarse a sí mesma e dar un chanzo máis na procura dunha danza contemporánea de marcado carácter galego. A súa singularidade como bailaríns e músicos radica na súa identidade, e é aquí onde nace TRADICCIÓN, estreada no Teatro Rosalía de Castro da Coruña o 12 de setembro de 2008.

O músico e compositor Pedro Lamas, ligado á Nova Galega dendo os seus inicios, asume a dirección musical de Tradicción, cun traballo de creación inspirado en melodías tradicionais, que xunto coa dirección artística e coreográfica de Jaime Pablo Díaz e Vicente Colomer, fan de Tradicción un espectáculo único.