Jump to: Menu | Corpo | Pe

Imaxe de Mercedes Peón

Mercedes Peón

O estilo único de Mercedes Peón mestura o sabor da música tradicional cos sons máis modernos, conservando o halo de sutileza e forza femininas que envolven toda a súa obra.

A extraordinaria voz de Mercedes Peón crea atmosferas vibrantes e innovadoras que conseguen algo moi pouco habitual, o feito de crear algo novo no actual panorama musical, o que a levou a ser unha das mulleres máis carismáticas no mundo da música e a cultura galegas. O seu estilo foise creando a través de todo un traballo de campo autodidacta, no que recolleu vivencias, lendas, músicas e danzas das xentes da Galicia máis rural.

Mercedes Peón formou parte de Xaracandaina, dedicouse á ensinanza de música e baile tradicionais durante 17 anos, e formou parte de diversos proxectos con músicos destacados da escena galega como Os diplomáticos de Monte Alto ou Xosé Manuel Budiño. Dende o seu primeiro disco “Isué”, Mercedes ten participado noutros ámbitos como a televisión ou a prensa escrita, ademais de fundar a discográfica “Discotrompo” e de dar conferencias en diferentes universidades europeas.