Manuel Rivas
Manuel Rivas Barrós, nado no barrio coruñés de Montealto o 26 de outubro de 1957, é un escritor, poeta, ensaísta e xornalista galego. Así mesmo, dende o 31 de xullo de 2009 é académico da RAG.
É colaborador en diversos medios de comunicación galegos e españois: El País, El Ideal Gallego, La Voz de Galicia, sendo nomeado subdirector do Diario de Galicia.
No campo da creación literaria, deuse a coñecer como cofundador do grupo poético Loia, na revista co mesmo nome apareceron as súas primeiras composicións en 1977. Dous anos despois publicou o seu primeiro libro de poemas co que se revelou como unha voz distinta dentro da lírica galega e polo poema Pra escarnho e mal dizer foi galardonado co Premio de Poesía Nova de O Facho, o primeiro dunha longa serie de premios que leva xa na súa carreira como escritor, narrador e poeta, resaltando entre todos eles a concesión no ano 1996 do Premio Nacional de Narrativa por ¿Que me queres, amor?, unha obra escrita orixinalmente en lingua galega, premio polo que xa fora finalista oito anos antes pola novela Un millón de vacas.
Escribiu destacados libros de poemas, novelas, artigos e ensaios literarios. Considerado pola crítica como un revolucionario da literatura galega contemporánea sendo el un personaxe comprometido coa súa terra e coa súa cultura. Unha parte da súa produción editorial (os ensaios) deriva da súa prolífica carreira como xornalista. A súa obra literaria está escrita orixinalmente en galego e é considerado na actualidade coma o escritor galego con máis proxección internacional, estando a súa obra traducida a vinte idiomas, entre eles o francés, italiano, inglés, alemán, grego, turco, ruso, finés, holandés, croata e xaponés.
Algunhas das súas obras foron adaptadas ao cine, entre elas A lingua das bolboretas dirixida por José Luis Cuerda e O lapis do carpinteiro, dirixida por Antón Reixa que foi seleccionada para presentarse nos premios Goya da Academia Española do Cine.





