Manuel Lourenzo
Manuel Lourenzo (Ferreira do Valadouro, 1943) é dramaturgo, actor, director teatral e tradutor. Xa en 1965 creou na Coruña, con Francisco Pillado, o Grupo de Teatro O Facho, que marca o inicio do teatro independente galego. En 1967 fundou o Grupo de Teatro Circo (1967-1976) e en 1978, tamén con Pillado, a Escola Dramática Galega. Logo fundou a Compañía Teatral Luís Seoane (1980), o Clube de Teatro Elsinor (1995), e a escola teatral Casahamlet (1998). Como autor é responsable dunha ampla obra dramática, iniciada en 1969, con Romería ás Covas do Demo, que en 2009 se materializou en As dunas. En 1997 recibiu o Premio Nacional de Literatura Dramática por Veladas indecentes. Entre os moitos recoñecementos e premios literarios que recibiu a súa obra, cabe destacar tamén o Premio de Teatro Rafael Dieste (1996, 1999) e o Premio Álvaro Cunqueiro por Flores de Dunsinane. En 2008 foi Premio Nacional de Artes Escénicas.





