Loretta Martin
Fai funky meu!
LORETTA MARTIN son Brais Morán -voz e guitarra-, Fran Sanz –baixo- e Iago Otero -batería-, tres coruñeses que comezaron tocando no 2002 compondo melodías de blues rock, aínda que dende aquela foron medrando baxo a influenza de grupos coma -123 min, Zuco 103, Jamiroquai ou Red Hot Chili Peppers.
Catro anos despois da súa primeira maqueta, homónima, ve a luz “Paraíso distante” (falcatruada,07), un disco que decorre por camiños aperturistas e fusionadores nos que o funk, o jazz e a música brasileira modelan o seu son cara melodías propias dunha festa na praia ao solpor… Como resultado, doce temas a base de funk, revestidos de samba e de jazz, nos que emerxen as influenzas máis cálidas da banda: ganas de divertir(se), sempre na procura do groove e fuxindo da pureza. As súas letras, en galego, inglés e mesmo portugués, xogan a participar na polifonía estilística das súas cancións e fan que mover os pés sexa unha consecuencia inevitábel. Con “Paraíso Distante”
chamaron á porta dos grandes escenarios e chegaron a ser os escollidos para talonear a Fundación Tony Manero na súa xira de décimo aniversario por Galicia.





