Jump to: Menu | Corpo | Pe

Imaxe de Fía Na Roca

Fía Na Roca

Fía na Roca é un grupo musical galego que naceu en 1990, da man de Xosé Ramón Vázquez e Xabier Bueno, que nese ano decidiron xuntarse para crear música con influencias folk, rock, jazz e de novas músicas.

O seu primeiro álbum, Fía na roca (1993), foi recibido con excelentes críticas, tratándose dunha certa lufada de ar fresco na música de raíz tradicional galega. Despois chegarían "Agardando que pase algo" (1997), "Contravento" (2001), que incorpora a nova cantora galega Sonia Lebedynski, sétimo compoñente da formación.

No ano 2003 Fía na roca cumpriu 10 anos de concertos en directo. Para celebralo a banda gravou o seu novo traballo ao vivo no Teatro Principal de Santiago de Compostela os días 7 e 8 de decembro. No ano 2004 editouse "Dez anos ao vivo". Ademais, para completar a celebración, volvéronse a reeditar os tres traballos anteriores nunha nova edición remasterizada.

No 2007 editouse o seu quinto traballo discográfico chamado "Vente vindo". Este disco dá un golpe de timón no rumbo da banda, que despois de tres discos de estudio e un ao vivo, fundamentalmente instrumentais, apresenta por primeira vez unha maioría de pezas cantadas -todas elas en galego- e baseadas principalmente en fontes tradicionais. Coa voz de Sonia Lebedynski, Fía na roca reinvéntase sen imitar fórmulas comerciais nen estándares de éxito. Fía na roca comeza esta etapa con nova formación. Despois de sofrer duas sentidas ausencias –Xabier Bueno, fundador e puntal do proxecto Fía - e Cris Gándara, contrabaixista e músico de recoñecida traxectoria, o grupo renóvase coa entrada de Xabier Olite, ex-membro da Psicofónica de Conxo, que se ocupa dos baixos, e Roberto Rama, procedente do mundo tradicional, que se encarga de gaitas, saxos e low whistles. Xunto con Sonia Lebedynski, Xosé Ramón Vázquez, Carlos Castro, Giao Rodrigues e Roberto Santamarina, o novo Fía fica completo, con Pablo Barreiro como técnico de son e responsabel da gravación.

En 2008, co 15º aniversario, gravouse de novo no Teatro Principal de Compostela un concerto, editado en DVD baixo o título de "Quince maios" e que aspira a ser unha instantánea do grupo despois de todos estes anos, un reflexo do estado actual de Fía na roca. Ao mesmo tempo, continúa a proxección internacional da banda con concertos en Franza, Itália e Alemaña e mesmo Sudamérica, cunha recente xira por Arxentina e Uruguai.