Jump to: Menu | Corpo | Pe

Imaxe de Emilia Pardo Bazán

Emilia Pardo Bazán

Emilia Pardo-Bazán y de la Rúa-Figueroa, nada na Coruña o 16 de setembro de 1851 e finada en Madrid o 12 de maio de 1921, foi unha escritora en lingua castelá, intelectual, xornalista, crítica literaria, narradora e rexionalista galega que triunfou na literatura española como escritora e como figura pública. Influída polo naturalismo, movemento literario que introduciría en España, escribiu máis de 500 obras en forma de novelas, contos, artigos e folletos.En recoñecemento polos seus méritos artísticos, concederíalle o rei Afonso XIII en 1908 o título de condesa de Pardo Bazán.

O seu estilo foi enérxico e nel afondou en problemas e situacións difíciles. Escribiu centos de contos que publicou en escolmas, como Cuentos de Marianela. Destacou sobre todo na súa produción literaria destacando novelas como Un viaje de novios ou La tribuna, a máis naturalista das súas novelas, onde describe a dura vida proletaria nunha fábrica de tabaco. Tamén son de suma importancia Los pazos de Ulloa e La madre Naturaleza, onde retratou a vida nas vilas e aldeas galegas, o folclore popular e tamén a decadencia da nobreza pacega do rural cun argumento apaixoado e, en ocasións, violento.

Destaca tamén o seu labor na creación da Real Academia Galega, creando xunto a Ramón Pérez Costales unha Comisión Xestora sobre a base da sociedade Folklore Gallego para a creación da academia e doando posteriormente a súa casa da Coruña para establecer alí a sede.

Hoxe en día, Pardo Bazán, ao igual ca outras contemporáneas como a ilustrada galega Concepción Arenal, está considerada como unha das precursoras do movemento feminista en España. Ao longo da súa obra criticou a degradación e marxinalidade da muller e expresou o seu desexo de crear para as mulleres unha educación e unha formación intelectual igual cá dos homes.

Nun tempo no que mais do 90% das mulleres eran analfabetas, Pardo Bazán chegou a ser a primeira muller en presidir a Sección de Literatura no Ateneo de Madrid, a primeira nomeada Conselleira de Instrución Pública e a primeira muller catedrática de Literatura Contemporánea de Linguas Neolatinas da Universidade Central de Madrid.

Texto: galipedia