Jump to: Menu | Corpo | Pe

Imaxe de Daniela Kulot

Daniela Kulot

(Schongau, 1966)  Os pinceis e os lápices forman parte da vida desta autora e ilustradora dende a nenez. En 1988 iniciou os seus estudos de educación artística e alemán na Universidade de Augsburg, aos que seguiron outros cursos en materia de deseño gráfico e ilustración. A partir de 1993 comezou a traballar como pintora, ilustradora e deseñadora ‘free-lance’. Completou a súa preparación na Escola de Belas Artes de Munich.

Empezou a visitar feiras internacionais de literatura infantil, como a de Bolonia (Italia), e a súa primeira oportunidade chegou a través da editorial alemana Thienemann. Títulos como “Co dedo no nariz” foi un dos seus grandes éxitos de vendas e traduciuse a máis dunha ducia de idiomas. En 1999 comezou a dar clases de debuxo na Escola Profesional de Augsburg. A súa obra tamén se espuxo na Bienal Internacional de Bratislava (1997), no museo da cidade de Günzburg (2001) e na Feira de Arte de Nagama, en Xapón (2002), entre outras mostras.

A obra de Daniela Kulot ten unha grande aceptación entre o público infantil por aspectos tan importantes
como a elección dos personaxes, case sempre identificados con animais humanizados; a variedade cromática
das súas ilustracións e os temas que expón nos seus libros: historias baixo as que subxacen mensaxes de
moita utilidade para a aprendizaxe e a formación en valores dos lectores.