Cuarteto Caramuxo
Frescura, orixinalidade e esmero... a declaración do pracer de facer música.
Felipe Agell (clarinete en Si bemol), Xoán Carlos Vázquez (clarinete en Si bemol), Óscar Prieto (clarinete en Si bemol e baixo), Fernando Abreu (clarinete baixo e requinto en Mi bemol), Patricia Cela (percusión) e Alonso Caxade (acordeón) súbense ao escenario para reinterpretar melodías tradicionais recollidas nos cancioneiros galegos, xunto con composicións de autores contemporáneos de Galicia feitas expresamente para o grupo, e melodías inspiradas noutras culturas, no jazz e no pop.
O Cuarteto Caramuxo formouse en 1990; case vinte anos de mestura de formacións académicas e bagaxes musicais moi variadas, que van dende a música clásica ata a contemporánea pasando pola música tradicional, a pedagoxía ou a musicoterapia. Os seis compoñentes deste experimentado grupo ofrecen unha posta en escena festiva e singular repleta de acenos de coidado ao público.





