Jump to: Menu | Corpo | Pe

Imaxe de Antonio García Teijeiro

Antonio García Teijeiro

Antonio García Teijeiro naceu en Vigo no ano 1952. Exerce como mestre de Ensino Primario e Primeiro Ciclo da ESO nunha escola desta cidade.

Colaborou nas páxinas literarias e pedagóxicas dos xornais e revistas máis prestixiosos de Galicia así como en diversos proxectos literarios con carácter reivindicativo.

Crítico e especialista en literatura infantil e xuvenil, imparte cursos de animación á lectura, creación literaria, obradoiros de poesía, conferencias, e ten participado en xornadas didácticas e literarias promovidas por distintas institucións.

Durante oito anos dirixiu unha prestixiosa colección literaria para xoves, é autor de libros de texto e foi membro do xurado en importantes Premios literarios para rapaces/as.

Varios dos seus libros foron incluídos nas Listas de Honra da CCEI e da revista CLIJ.

Gañou o Premio Merlín en 1996 con Na fogueira dos versos, libro co que entrou na Lista de Honra do IBBY (1998) e foi finalista do premio Nacional (1997). En 1998, un xurado internacional concedeulle o Premio Europeo Pier Paolo Vergerio, promovido pola Universidade de Padua, considerado un dos máis prestixiosos galardóns literarios de Europa.

Así mesmo, os seus poemas figuran en múltiples antoloxías tanto en galego coma en castelán. Algúns deles foron musicados por distintos grupos de Galicia.