Jump to: Menu | Corpo | Pe

Imaxe de Esto es normal

Dispoñibilidade: 5-7 días

Ano: 2011
Formato: CD
Idioma das letras: Castelán

Esto es normal

La Familia

Editora: Ernie Records

13,65€
11,99€

Tan normal como que todo o que empeza ten que acabar, tan normal como querer namorarse ou perder a fe na humanidade coas noticias á hora para cear. Ou, se se escoita con atención, que no Polo norte poida ser a hora que ti queiras elixir, que unha mañá non cheire a mañá ou non poder distinguir canto é dor e canto é finxir.

Isto é normal é o título do primeiro disco de La Familia. O grupo no que catro músicos con experiencia previa noutras bandas (Trem Fantasma, Igloo, The Blows, Maryland, Circular) deciden porse ao servizo dunhas cancións de autor que parten dos arredores do folk para chegar ao pop. Ou se cadra é ao revés. Sigo pensando que haberá que escoitar con atención.
 

O disco, gravado e producido polo propio grupo no estudo caseiro de Carlos Gil, baixista de La Familia, o mesmo lembra ao pop de toda a vida (hai veces que podería porse a cantar Dusty Springfield), que tira cara á americana (Ryan Adams aparece por aquí, e non necesariamente cando senten cowboys) ou lembra a eses grupos que toman o pop máis clásico para darlle unha visión contemporánea (The Morning Benders, por exemplo, e por seguir citando algún nome, non porque faga falta, senón porque é o normal neste tipo de textos de presentación dun grupo).

Por tentar chegar a unha conclusión, isto é pop normal, pop normal para un mundo normal, ese no que os coros fan que as cancións medren por dentro, coma se fose primavera na gorxa, no que as letras saben o que din, unha melodía quédaseche na cabeza e os arranxos (unhas veces é un acordeón, outras unha trompeta ou uns teclados) achegan elegancia.

Porque a música de La Familia é tan normal como unha familia. E todos sabemos o normais que son as familias, se se escoita con atención.

Ou quizais sexa que o mellor será finxir que isto é normal.