Jump to: Menu | Corpo | Pe

Imaxe de Un feixe

Dispoñibilidade: Inmediata

Ano: 2005
Formato: CD
Idioma das letras: Galego
Código de barras: 8436030490634
Ref.: FAL261

Un feixe

Mugardos

Editora: Toc-Toc!

12,20€

Non é pop, nin rock, nin jazz, nin blues, nin bossa, nin folk. Pero, sen dúbida, o novo disco de Mugardos recolle algo de todos eses estilos. O compositor galego presenta o seu cuarto traballo, Un Feixe, dez cancións que falan de amor e xustiza e que constitúen a súa proposta máis serena. Dende a composición ata a producción, Xavier Mugardos ocupouse de todos os procesos de elaboración dun disco no que, por primeira vez, emprega a súa expresiva e esnaquizada voz do primeiro ó último tema. “Son un compositor que canta, non un cantante”, explica o músico, quen considera que Un Feixe é o seu traballo máis honesto. “As cancións veñen ó mundo coa miña voz polo que é así como as vai a escoitar ó público”, asegura.
Mugardos abandona en Un Feixe o camiño estrictamente acústico para introducir guitarras eléctricas e ritmos case tribais. Dende os reefs funkys de ‘Vira, vira’ ata a reinvención da pandeirada en ‘Chamada a revolta’, cada tema do novo traballo caracterízase por unha coidada interpretación musical e unha inmellorable producción artística. Para isto último, Mugardos contou coa colaboración do guitarrista brasileiro, Joâo Alberto, un reputado músico no seu país que, entre outros moitos traballos, colaborou no último disco de Bororó, coincidindo con artistas coma Gilberto Gil, Zé Cabalero, Chico Buarque, Milton Nascimento ou Lenine, entre outros. Joâo Alberto toca tamén as guitarras eléctricas, o baixo e os teclados no novo traballo de Mugardos, no que tamén participaron Dani Canosa (violonchelo), Leo Pimentel (percusión) e Roberto Salas (frauta).
Convencido de que expresarse en galego é o mellor xeito de manter viva a nosa cultura, Mugardos lanza un diálogo coas músicas do Sur do mesmo xeito que desde o folk se manteñen vínculos co mundo celta. O guitarrista e compositor afirma que a súa música é universal, pero concibida coa sensibilidade galega. Segue así a liña ofrecida nos seus anteriores traballos, O Sol que vai chegar (1998), É aí (2000) e Son da Terra (2002).