Dispoñibilidade: 10-15 días
Ano: 2004
Formato: CD
Código de barras: 804071006622
Ref.: 25102006
O Romanticismo e o Nacionalismo
Editora: Boa Records
Música Clásica Galega 6
O 6º Volume da colección Música Clásica Galega está integrado polas obras creadas en Galicia no período comprendido entre finais do século XIX e principios do XX, época que estilísticamente pertence ao Romanticismo tardío ou Post-Romanticismo e ao Nacionalismo musical europeo. Este movemento artístico tivo como promotor en Galicia á figura do músico Marcial de Adalid, virtuoso do piano e compositor a quen por certo está dedicado o 8º Volume desta mesma colección. A edición discográfica Romanticismo e Nacionalismo recolle distintas composicións de catro relevantes e fundamentais autores galegos: Andrés Gaos, Pacual Veiga, Gregorio Baudot e Juan Montes. Neste novo CD rexístranse exemplos que reflicten os distintos métodos compositivos usados polos nosos músicos, que teñen de nexo común a inspiración na música e os ritmos tradicionais galegos, nun intento de reflectir a propia idiosincrasia do pobo ao que pertenceron todos eles. Así, de Andrés Gaos, falecido en Mar de Plata en marzo de1959, gravouse a coñecida Sinfonía Nº2 "Nas montañas de Galicia", obra de carácter descritivo- programático creada entre 1917 e 1919. De Pascual Veiga ofrécese a "Alborada Galega", realizada para os Xogos Florais de Pontevedra en 1880 e inspirada na alborada tradicional galega, orquestrada en 1999 por outro ilustre compositor galego recentemente desaparecido, o coruñés Manuel Balboa, especializado en música cinematográfica e sinfónica. Outro dos seleccionados foi Gregorio Baudot, compositor nado en Colmenar Viejo e de apelido francés, que residiu en Ferrol durante case 30 anos. Alí foi onde compuxo en 1914 a súa obra "Dolora Sinfónica" que agora presentamos nesta colección. Por último, Juan Montes, músico nado en Lugo en 1840, organista e mestre de capela da catedral lucense, seminarista sen chegar a recibir a orde sacerdotal e autor da soada balada "Negra Sombra" a partir dos versos incluídos por Rosalía de Castro no seu poemario Follas Novas. Esta canción, que xa se converteu en himno non oficial do pobo galego, e o resto de composicións sinfónicas, foron interpretadas pola Orquestra Sinfónica de Galicia baixo a dirección do mestre concertante Víctor Pablo Pérez. O disco contén un extenso libreto informativo, con fotografías e biografía dos intérpretes, en galego, castelán e inglés, coas interesantes e eruditas anotacións do musicólogo Xosé López- Calo, director de toda a colección.





