Dispoñibilidade: Inmediata
Ano: 2010
Nº de páxinas: 290
Idioma: Galego
Código de barras: 9788493661816
ISBN: 978-84-9336618-1-6
Ref.: ENSA-4
Ayes de mi País: O Cancioneiro de Marcial Valladares
Editora: Dos Acordes
Edición crítica do primeiro e até agora inédito cancioneiro de música popular galega, "Ayes de mi país", compilación feita por Marcial de Valladares a mediados do século XIX e que nunca foran publicadas na súa totalidade. Exhaustivo traballo feito polos investigadores José Luis do Pico Orjais e Isabel Rei Sanmartin nunha análise histórica, documental e musicolóxica.
O traballo cun cancioneiro é sempre unha labor de comparación e limpeza, xa que cada lectura se converte nunha actualización do rexistro. O investigador ten que saber que na cadea de custodia que vai desde o informante até o neo-usuario do obxecto folclórico, hai sempre unha perda de información difícil de recuperar.
Desde o punto de vista do bibliófilo, no caso de Ayes de mi país estamos ante o mellor dos escenarios posibles. O autor é unha personalidade no mundo da cultura de Galicia e da súa obra literaria e filolóxica hai unha considerable bibliografía posto que se lle ten rendido tributo coa celebración no seu nome do Día das Letras Galegas de 1970.
Do texto en cuestión, Ayes de mi país, contouse cun manuscrito autógrafo e dous apócrifos, varios fragmentos autógrafos máis, e unha considerable tradición indirecta. A súa parte literaria foi xa publicada polos biógrafos de Marcial Valladares, polo que optamos por unha edición diplomática.
Coas partituras foi imprescindible a edición do facsímile, toda vez que como álbum fica a día de hoxe inédito, e porque se trata dunha obra orixinal dunha gran singularidade temporal; foi escrita en 1865 de puño e letra do seu autor, o que a sitúa na prehistoria da bibliografía etnomusical galega ao tempo que a converte nun auténtico tesouro, patrimonio histórico-artístico do noso país.
Esta edición crítica quere achegar ao lector unha partitura actualizada, depurada de erros, aseada antes de ser presentada en público. Para por en papel esta edición crítica os autores recadaron non só as distintas variantes de cada número do Ayes..., senón que alén diso, puxeron baixo o microscopio cada unha das creacións musicais de Marcial Valladares, escasas, máis igualmente pertinentes.
Para esta reconstrución fai falta unha múltiple perspectiva que aúne historia, musicoloxía, lingüística, estética e un gran etcétera difícil de abranguer: o que nós estamos a ofrecer é simplemente unha proposta interdisciplinar elaborada desde a honestidade e o traballo de moitos anos.





