Jump to: Menu | Corpo | Pe

Imaxe de A princesa do Caurel

Dispoñibilidade: 10-15 días

Ano: 2006
Nº de páxinas: 36
Idioma: Galego
Características: IDADE RECOMENDADA: de 3 a 7 anos cartoné | 25x23 cm
Código de barras: 9788496573529
ISBN: 978-84-96573-52-9

A princesa do Caurel

Patacrúa

Ilustración: Javier Solchaga
Editora: OQO

12,50€

E isto que é? Este é o gato que pillou a pega que roubou o anel da Princesa do Caurel… E isto que é?

A Princesa do Caurel é un conto acumulativo clásico, mais cun desenlace e cunha forma de presentación adaptados, que recupera os elementos máis típicos das series que aparecen na tradición europea: gato, can, pao, lume, auga… Con este tipo de contos, os nenos aprenden a establecer conexións, e a partir de aí, a xeneralizaren e mesmo a faceren prediccións. A personaxe que lle dá título á obra, vai aparecer nomeada de forma indirecta ao longo de toda a narración. Por exemplo, a unha frase curta «Esta é a pega que roubou o anel da princesa do Caurel», vanse engadindo dun xeito matemático, outras novas. Desta maneira, o elemento desaparecido convértese no fío conductor da historia, e no que propicia o desenlace feliz. Tamén con el, péchase o ciclo de maneira circular, e restablécese a orde do principio do conto: «Este é o pastor que atopou o anel e gañou un bico da Princesa do Caurel». Por último, a repetición dos sucesos, facilita a memorización do texto.

En moitas versións, a acumulación termina coa representación da morte, de moi variadas formas (coitelo, carniceiro…). Porén, máis similares a esta, son as series atopadas noutros contos de fórmula do norte de Europa: cofre, chave, corda, rato, gato, pao, machada, ferreiro… En todos eles, a rapidez da acción facilita o seguimento da secuencia, e para alén diso, a transición duns acontecementos a outros, prodúcese dun xeito que provoca curiosidade e atrae o interese do receptor. Todas estas características contribúen ao desenvolvemento de capacidades, como a comprensión, a imaxinación ou o sentido estético.
Javier Solchaga ofrécenos unha especial proposta de ilustración tridimensional, elaborada a partir de elementos reciclados (botellas, madeira, pedras, arame…). O xogo compositivo e de iluminación co que nos sorprende a fotografía, supón un valor engadido ao libro.

Sorprendente, resulta tamén, a presencia de obxectos e personaxes (anel, pano, pao…) fotografados desde un ángulo imposible, para que o lector tente adiviñar, quen será o protagonista da seguinte acción. Por todo isto, texto e imaxe compleméntanse aquí, máis que nunca para achegar novos puntos de vista e espertar a imaxinación dos máis pequenos.