Dispoñibilidade: 10-15 días
Ano: 2005
Nº de páxinas: 48
Idioma: Galego
Características: IDADE RECOMENDADA: de 5 a 7 anos
cartoné | 25x23cm
Código de barras: 9788496573000
ISBN: 978-84-96573-00-0
A bruxa regañadentes
Ilustración: Maurizio A. C. Quarello
Editora: OQO
Tres irmáns, desatendendo as advertencias da nai, intérnanse nun bosque escuro e misterioso, onde calquera cousa pode pasar. O máis pequeno, temeroso e consciente do perigo, trata de avisar os dous maiores, mais cando ten que tomar unha decisión acaba por acompañalos. Como non saben o camiño de volta, deciden entrar na casa da bruxa, onde cheira a comida…
Os contos e lendas sobre bruxas constitúen un repertorio vivo e abondoso, practicamente universal. Adoito, os cativos personifican os seus medos en personaxes malvados de aparencia humana. Porén, para gañaren confianza e superaren os temores, nada mellor que escoitaren contos en que os protagonistas triunfen sobre eses seres arrepiantes, produto da imaxinación.
A personaxe da bruxa devoradora de nenos que vive nunha casiña no medio do bosque, aparece na tradición oral de moitos pobos (Turquía, Rusia, Europa…) e posúe tamén antigos antecedentes literarios.
A Bruxa Regañadentes presenta un carácter híbrido, con elementos narrativos tirados de todas estas culturas. Nesta ousada aventura, o irmán máis novo resultará ser o máis asisado, xa que, só el recoñecerá a casa da bruxa, receará da aparente afabilidade da descoñecida…, e non se deixará levar polos impulsos ou os desexos.
Se no principio do relato, eran os irmáns máis vellos, os que se burlaban do pequeno por o consideraren medorento e cativo, no desenlace será el quen, con astucia e intelixencia, tome a iniciativa e afronte a gravidade da situación. O conto conclúe cun final positivo que transmite a idea de que é posible superar os obstáculos.
Acompañan o texto, unhas excepcionais ilustracións, obra do artista italiano Maurizio A. C. Quarello. As abraiantes imaxes de Quarello recrean unha atmosfera de contrastes e claroscuros que lle confiren ao libro un ambiente de suspense. Alén diso, se atendemos aos detalles de humor, as ilustracións permiten unha segunda interpretación, co que nos convidan a descubrirmos con cada lectura un novo significado sorprendente.





