Jump to: Menu | Corpo | Pe

Imaxe de A revolta dos indignados

Dispoñibilidade: 10-15 días

Ano: 2011
Nº de páxinas: 80
Idioma: Galego
ISBN: 978-84-15250-25-8

A revolta dos indignados

VV.AA.

Ilustración: Marc Taeger
Editora: Faktoría K de Libros
Participan: Carlos Taibo
Tradución: Ramón Nicolás

7,00€

Movemento 15-M - Democracia Real Xa!


...Certamente, somos persoas moi diferentes. 
Temos na cabeza ideais e proxectos moi desemellantes. 
Conseguiron, porén, que nos poñamos de acordo nun feixe de ideas... 
(Palabras pronunciadas tras a manifestación do 15 de maio na Puerta del Sol, por CARLOS TAIBO) 


«Somos persoas normais e correntes. Somos coma ti: xente que se ergue polas mañás para estudar, para traballar ou para procurar traballo, xente que ten familia e amigos. Xente que traballa arreo todos os días para vivir e darlles un futuro mellor aos que nos rodean. Uns considerámonos máis progresistas, outros máis conservadores. Uns crentes, outros non. Uns temos ideoloxías ben definidas, outros considerámonos apolíticos... Mais todos estamos preocupados e indignados polo panorama político, económico e social que vemos ao noso arredor. Pola corrupción dos políticos, empresarios, banqueiros... Pola indefensión do cidadán de a pé. Esta situación máncanos a todos acotío. Mais se todos nos xuntamos, podemos cambiala. É moito hora de botarse a andar, hora de construír entre todos unha sociedade mellor.»

 

Traducida por Ramón Nicolás, “A revolta dos indignados” reúne as opinións de Carlos Taibo, Josep María Antentas, Esther Vivas, Antoni Domènech, Iván Giménez Chueca e Juan Carlos Monedero. As súas respectivas achegas reflicten o descontento xeral motivado pola difícil situación económica, política e laboral, criticando a indefensión da cidadanía e facendo un chamamento á concienciación e ao compromiso ante a necesidade de “construír entre todos unha sociedade mellor”.

Taibo, escritor e profesor de Ciencia Política e da Administración na Universidade Autónoma de Madrid, foi un dos oradores trala manifestación do 15 de maio na Puerta del Sol. Este libro recolle a súa intervención trala marcha, na que alerta do funcionamento das institucións “á marxe do ruído molesto da poboación”, reprende a política financeira do Goberno, advirte da precariedade nos colectivos máis desfavorecidos, do desequilibrio medioambiental, e das condicións de vida desfavorables nos países do Sur.

Pola súa parte, o profesor de Socioloxía na Universidade Autónoma de Barcelona, Josep María Antentas, e a activista Esther Vivas, pertencente ao Centre d’Estudis sobre Moviments Socials da Universidade Pompeu Fabra, consideran que a mobilización do 15-M espalla “un poderoso antídoto para o medo que ameaza con desmontar os esquemas a unha elite dirixente á fronte dun sistema cada vez máis deslexitimado”. O filósofo Antoni Domènech aposta por manter un movemento que “responde a necesidades tan vivas e tan fondas da nosa sociedade que, dificilmente, pasará”.

O xornalista Iván Giménez analiza os conceptos de ciberactivismo e Open Government ou Democracia 2.0, que define como “unha filosofía sobre a aplicación das Novas Tecnoloxías á xestión de goberno e a incentivar a participación cidadá nos procesos democráticos e na relación coas administracións”. E o profesor de Ciencia Política na Universidade Complutense Juan Carlos Monedero evoca no seu artigo a Comuna de París de 1871, trazando un certo paralelismo co Movemento 15-M que reclama “igualdade e participación”.

Outros documentos que complementan o libro son o manifesto e as propostas do Movemento 15-M Democracia Real Xa, un comunicado de “apoio inequívoco” elaborado polas comunidades cristiás populares do Estado español, e o chamado “Manifesto feminista de Sol”. Coa publicación de “A revolta dos indignados” e de “Indignádevos!”, que fora prologado polo escritor Manuel Rivas, Ágora K seguirá incorporando obras, tanto clásicas como de pensadores contemporáneos, para axudar a entender o mundo de forma crítica.

CARLOS TAIBO. Profesor de Ciencia Política e da Administración na Universidade Autónoma de Madrid, onde tamén dirixiu o programa de estudos rusos do Instituto de Socioloxía das Novas Tecnoloxías. É autor dunha vintena de libros, relativos principalmente ás transicións na Europa central e oriental.
JOSEP MARIA ANTENTAS. Profesor de Socioloxía na Universidade Autónoma de Barcelona. Membro do Centre d’Estudis Sociològics sobre la Vida Quotidiana i el Treball (QUIT).
ESTHER VIVAS. Activista e autora de diversos libros sobre movementos sociais e soberanía alimentaria. Forma parte do Centre d’Estudis sobre Moviments Socials da Universidade Pompeu Fabra.
ANTONI DOMÈNECH FIGUERAS. Filósofo. Autor de numerosos artigos en revistas especializadas sobre temas das súas especialidades académicas; tivo tamén unha intensa actividade como publicista político e foi cofundador e redactor de varias revistas de intervención e crítica político-cultural.
IVÁN GIMÉNEZ CHUECA. Licenciado en Historia (Univ. Autónoma de Barcelona) e Xornalismo (Univ. Pompeu Fabra). Cursou o Máster de Estudos de Asia e Pacífico (Univ. de Barcelona). Traballa como xornalista «freelance» e colabora con publicacións de divulgación histórica e política internacional.
JUAN CARLOS MONEDERO. Licenciado en Ciencias Políticas e Socioloxía (Univ. Complutense de Madrid). Profesor titular de Ciencia Política. Dita un curso de doutoramento sobre transformacións políticas na Globalización. Foi observador internacional de procesos electorais en Venezuela, México e Colombia.